blog-post-img-2924

Obxectivo: deter o alzhéimer

Noticia publicada en GCiencia 

“O grupo TeamNanoTech, da Universidade de Vigo, desenvolve un sistema pioneiro para detectar a enfermidade na súa xestación”

O alzhéimer é unha enfermidade de natureza dexenerativa e evolución progresiva, que se caracteriza clinicamente polo deterioro das células cerebrais. É o tipo de demencia máis común, representando ata o 70% dos casos. Esta doenza converteuse nun dos grandes problemas de saúde no mundo. Só en España hai 800.000 persoas con alzhéimer, o que repercute na vida diaria de 6 millóns de persoas, entre familiares e coidadores. Prevese que, co aumento da esperanza de vida, no 2050 a cifra se duplique, xa que a idade é un dos principais factores de risco. Todo isto, xunto coa falta de información que aínda hoxe hai sobre todo o que rodea esta enfermidade, fai que a ciencia se teña que enfrontar a un problema de grandesdimensións.

Dende o grupo de investigación TeamNanoTech, da Universidade de Vigo, proponse un sistema a través do cal detectar o alzhéimer de forma rápida e cun baixo custo económico. Isto permitiría unha diagnose previa á manifestación dos síntomas, implicando unha mellora na calidade de vida dos enfermos e das súas familias, e unha grande axuda no traballo dos profesionais do sector. Este método preventivo levaríase a cabo a través dunha nova xeración de sensores a escala nano capaces de identificar a enfermidade a través dunha simple análise de sangue.

Xabier González 27 posts

No other information about this user.

No Comments