Retos Tecnolóxicos

A Rede Galega de Biomateriais pretende afrontar os novos retos tecnolóxicos que se lle presentan á comunidade investigadora neste ámbito, principalmente encamiñado a:

Desenvolver biomateriais innovadores


As actuais demandas clínicas, así como as futuras esixencias da enxeñaría de tecidos e da medicina rexenerativa, suscitan novos e interesantes retos á ciencia dos materiais e á enxeñaría biomédica.

Especial interese cobran as investigacións sobre materiais bioinspirados e procesos biomiméticos capaces de reproducir e mimetizar a estrutura e a función do tecido vivo.

Aplicación de Nanotecnoloxías


Na última década, a nanotecnoloxía experimentou un grande auxe debido ao seu enorme potencial e versatilidade. Unha das vantaxes destes nanomateriais baséase na posible alteración das súas propiedades eléctricas, ópticas ou magnéticas en función de variacións no seu tamaño, que permite, así, deseñar materiais con propiedades moi específicas.

Algunhas das posibles aplicacións en medicina son a fabricación de nanopartículas para diagnosticar enfermidades como o cancro ou o alzhéimer; nanosensores para detectar substancias de interese (glicosa, colesterol), nanotransportadores de fármacos que permiten a súa liberación nun lugar específico etc.

Deseñar métodos de fabricación de andamios 3D


Os últimos avances están encamiñados ao desenvolvemento de andamiaxes e soportes para células e outras substancias bioloxicamente activas (factores de crecemento, hormonas etc.), que favorezan a rexeneración ou a reparación de tecidos vivos. Como exemplo podemos mencionar a obtención de cerámicas porosas a partir de recursos naturais (madeiras, algas e plantas) que conservan a microestrutura do material de partida, facilita a fabricación de implantes e próteses de altas prestacións.

Medicina Rexenerativa


Na actualidade, soluciónanse moitos problemas médicos mediante o uso de próteses e implantes, baseados sobre todo na tecnoloxía do titanio, pero o futuro pasa pola medicina rexenerativa.

Neste contexto, os biomateriais revélanse como a mellor opción para promover a restauración da funcionalidade dun tecido vivo. Mediante a súa implantación no organismo, estes materiais avanzados logran interactuar cos tecidos danados e estimulalos para que se rexeneren, levando a cabo así unha especie de autorreparación asistida.