blog-post-img-3575

Abril será o mes dos biomateriais, con cursos para especialistas e para público xeral

 A Rede Galega de Biomateriais organiza a partir desta semana un curso intensivo sobre técnicas de análise para estudantes e outro online para público non especializado

 Nanofibras que imitan a pel dos fetos para cicatrizar feridas, implantes de materiais biocompatibles para rexenerar o nervio ciático, sistemas bioactivos que recuperan zonas con grandes perdas de masa ósea… Cada semana sabemos de novas estratexias baseadas nos biomateriais, cada vez máis presentes na medicina rexenerativa grazas a un labor continuado de investigación a nivel global.

A Rede Galega de Biomateriais (RGB), que desenvolve numerosos proxectos científicos neste campo, pon en marcha este mes dúas accións formativas co obxectivo de contribuír a un maior coñecemento destes materiais avanzados tanto entre os especialistas como entre o público en xeral. Nestas iniciativas conta coa colaboración do Instituto de Investigación en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) e do Instituto de Investigación Tecnolóxico Industrial da Universidade de Vigo, co soporte do Programa Interreg da Unión Europea.

Co obxectivo de ofrecer este coñecemento de xeito accesible a calquera, mesmo sen formación especializada, o día 9 de abril actívase o curso online “Biomateriais: do concepto á clínica” na plataforma de formación aberta do Campus do Mar da Universidade de Vigo. A inscrición (https://mooc.campusdomar.es/courses/course-v1:UVigo+FA017+2018/about) é gratuíta e está aberta a calquera persoa interesada no tema co único requisito de ter rematado os estudos de Secundaria. Neste momento están xa inscritas 60 persoas no curso, que chega á súa terceira edición logo de ter sumado cerca de 450 participantes nas dúas anteriores.

Os contidos ofreceranse a través de videos curtos de estilo divulgativo que estarán dispoñibles durante un mes para que os alumnos accedan a eles de xeito libre e acorde á súa dispoñibilidade de tempo.

Neles explicarase que a rexeneración de tecidos, ósos, articulacións e órganos son aspectos directamente relacionados coa medicina do futuro e a mellora da calidade de vida dos pacientes, e os biomateriais revélanse como a mellor ferramenta para facela realidade. Mediante a súa implantación no organismo, estes materiais avanzados logran interaccionar cos tecidos danados e estimulalos para que se rexeneren, levando a cabo así unha especie de autorreparación asistida.

No primeiro bloque, ofrecerase un achegamento inicial aos biomateriais e a súa historia, á enxeñería de tecidos e á terapia celular. A continuación daranse a coñecer os diferentes tipos de biomateriais e como se fabrican, así como as técnicas que se utilizan para analizalos e realizar ensaios con eles. Finalmente, abordaranse as principais aplicacións biomédicas que presentan, tanto no aparato locomotor e na traumatoloxía como na odontoloxía e a otorrinolaringoloxía.

Curso presencial para estudantes

Orientado a esudantes de mestrado ou de doutoramento, a RGB inicia tamén esta semana un curso intensivo de carácter presencial sobre a análise de biomateriais. Ao longo de cinco sesións semanais de tres horas cada unha, os participantes poderán ampliar os seus coñecementos sobre técnicas de análise físico-química de biomateriais. Estas técnicas permiten coñecer as propiedades de calquera destes (composición, dureza, porosidade, adhesión, etc.), unha tarefa indispensable no proceso de desenvolvemento de novos biomateriais xa que determinará as súas potenciais aplicacións.

As sesións, dirixidas a un grupo reducido dun máximo de 20 persoas para garantir o seu carácter práctico, comezarán este xoves pola tarde no Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial do Campus de Vigo. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse escribindo a Julia Serra, coordinadora do curso xunto con Pío González, a jserra@uvigo.es.

Os alumnos e alumnas aprenderán os fundamentos das técnicas de análise de biomateriais máis utilizadas, desde a microscopía electrónica ata a difración de raios X, pasando pola espectroscopía Raman, a microscopía de forzas atómicas e a cromatografía, entre outras. “O obxectivo é que adquiran os coñecementos básicos necesarios para, por un lado, decidir que técnica de análise é a máis axeitada para o estudo dunha propiedade concreta e, por outro, entender os resultados que se extraen dela”, explica Julia Serra.

RGBiomateriais 34 posts

No other information about this user.

No Comments