blog-post-img-3471

A Rede Galega de Biomateriais consolídase ata 2019 unindo os esforzos de máis de 70 investigadores

A Rede Galega de Biomateriais consolídase ata 2019 unindo os esforzos de máis de 70 investigadores

O consorcio renova o apoio da Xunta para avanzar no desenvolvemento de materiais avanzados aplicables na práctica clínica

A Rede Galega de Biomateriais (RGB), que aglutina os esforzos de máis de 70 investigadores das Universidades de Vigo e de Santiago sobre materiais avanzados aplicables na práctica clínica, consolídase grazas ao apoio económico necesario para garantir o seu funcionamento polo menos ata 2019.

O elevado grao excelencia do traballo científico realizado pola RGB nos seus tres anos de traxectoria valeulle a renovación do apoio da Xunta a través do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia.

A primeira actividade da RGB nesta nova etapa será a participación na segunda xornada científica do Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (IBEROS). O instituto constituíuse hai uns meses promovido pola propia RGB, co obxectivo de crear na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal un polo de coñecemento especializado sobre a aplicación da bioenxeñería á mellora da saúde dos maiores.

Esta xornada terá lugar o próximo 30 de novembro no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), na Coruña, e nela intervirán tanto investigadores ligados á RGB como expertos do resto de España e Portugal. Algúns dos aspectos que se abordarán serán a intelixencia artificial aplicada ao envellecemento activo, a medicina de precisión, a rexeneración de cartílago a partir de biomoléculas mariñas ou os hidroxeles con usos biomédicos.

Ademais, a RGB está a participar, a través do grupo de Novos Materiais da Uvigo, na exposición “Campus Vivo, investigar na Universidade”, para a que foron seleccionados oito proxectos de entre máis de 200 presentados. A mostra, que estará aberta no MUNCYT ata xuño de 2018, explica estes proxectos como exemplos singulares da contribución da ciencia ao desenvolvemento territorial e social e á mellora da calidade de vida dos cidadáns. No caso dos investigadores da RGB, exponse os seus principais avances no campo dos biomateriais.

A medicina do futuro

 Os seis grupos de investigación que forman parte da RGB continuarán co seu esforzo conxunto de investigación para avanzar no desenvolvemento de materiais avanzados aplicables na práctica clínica. Todos eles están vinculados a institutos biomédicos públicos e complexos hospitalarios de Galicia, o que facilita a conexión da súa investigación coa práctica clínica.

Os membros da RGB son o Grupo Novos Materiais, o Grupo TeamNanoTech e o Grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, todos eles integrados no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS); e o Grupo I+D Farma, o Grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria e o Grupo de Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, este último vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria IDIS-CHUS.

Os investigadores da RGB comparten tres campos de traballo prioritarios: os biomateriais, a nanotecnoloxía e o deseño de biosensores. En liñas xerais, a finalidade é desenvolver produtos sanitarios, como próteses, implantes e substitutivos óseos para a rexeneración de tecidos danados; produtos farmacolóxicos, como nanopartículas ou hidroxeles para a liberación de farmacos no organismo; e biosensores para a detección temperá de enfermidades.

A rede aglutina unha cantidade moi importante de capacidades e recursos científico-tecnolóxicos. Ademais dos seus 78 profesionais, dos que 73 son investigadores, concentra máis de 10 millóns de euros en ingresos ao longo dos tres últimos anos, así como 205 publicacións científicas, 29 proxectos de investigación (7 deles internacionais), 50 contratos de I+D con empresas e institucións e dúas patentes en explotación.

Ademais de promover a colaboración entre os seus membros en proxectos de investigación sobre materiais avanzados co fin último de desenvolver aplicacións médicas innovadoras, a rede busca ter maior capacidade para competir por fondos públicos e para chegar a acordos coa industria, promover a mobilidade e a formación dos seus investigadores e difundir a súa actividade a todos os niveis, incluíndo a cidadanía.

Fitos acadados

Un dos fitos xa acadados no marco da RGB foi o lanzamento de Biofast, unha spin-off do grupo de investigación de Novos Materiais da Uvigo centrada na revalorización de subprodutos pesqueiros, principalmente dente de tiburón, a través dun produto sanitario capaz de rexenerar e reparar o tecido óseo. Biofast, que está en proceso de constitución como empresa grazas ao programa Ignicia da Xunta, recibiu o premio ao mellor proxecto emprendedor nos XX Premios Xove Empresario de AJE Pontevedra 2015 e tamén foi recoñecida nos IV Premios Incuvi-Emprende da Uvigo.

A isto súmase, entre outros logros, o nacemento de HGBeyond Materials Science. Esta spin-off, nacida do Grupo I+D Farma da USC baixo o nome Lentimed, desenvolve hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo. O seu primeiro desenvolvemento é unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular. Este fito vén de valerlles o Premio á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2017, concedido pola Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación, na categoría de pemes.

RGBiomateriais 34 posts

No other information about this user.

No Comments