A Rede Galega de Biomateriais celebra o seu II Foro o vindeiro 9 de outubro cun orixinal formato de 12 ponencias e 20 presentacións rápidas nunha única xornada
A idea é darlles a oportunidade a todos aqueles investigadores e investigadoras que desexen presentar a súa liña de traballo, en especial o colectivo máis novel que está a realizar a súa tese doutoral, explica Pío González, investigador da Universidade de Vigo, sobre o orixinal formato do II Foro da Rede Galega de Biomateriais (RGB), da que é coordinador.
En total, serán 32 os investigadores de toda a Península Ibérica que nunha única xornada expoñerán os avances do seu traballo e os retos que enfrontan para o futuro nas áreas do deseño, a produción, a caracterización e a aplicación dos biomateriais. Doce deles son científicos senior que en ningún caso consumirán máis de vinte minutos, mentres que os vinte restantes terán que concentrar o seu discurso en tres minutos cada un. “Pedímoslles que sexan breves e entendemos que é tempo suficiente para condensar os seus obxectivos e resultados. É un formato máis interesante que os tradicionais pósters porque ten máis impacto, ao dirixirse a todo o auditorio”, precisa González.
O encontro terá lugar o vindeiro 9 de outubro na Illa de San Simón e a inscrición, de carácter gratuíto, está aberta até o 6 de outubro, enviando o formulario a info@redegalegadebiomateriais.uvigo.es. O envío de comunicacións permanecerá habilitado até o 2 de outubro, mandando o formulario á mesma dirección de correo electrónico.
Este foro pretende ser un punto de encontro para os membros de grupos de investigación da Rede, pero tamén doutros grupos galegos como o de I+D Farma da Universidade de Santiago e o de Aplicación dos Láseres da Universidade de Vigo, explica o coordinador da RGB.
Ademais, dado que outro obxectivo importante do consorcio científico é a ampliación dos seus horizontes e o establecemento de sinerxías con grupos afíns da súa contorna, participarán investigadores da Universidade de Minho (Portugal) e do consorcio en rede CIBER-BBN (Centro de Investigación Biomédica en Rede en Bioenxeñería, Biomateriais e Nanomedicina), procedentes de Madrid, Cataluña e Málaga.
Durante o evento será presentado o libro “Biomateriais: deseño, produción e caracterización”, no que se aglutinan coñecementos e achegas de áreas tan diversas como a medicina, a enxeñería, a veterinaria, a bioloxía e outras ciencias básicas como a física, a química e a ciencia de materiais. Segundo Pío González, esta publicación é un reflexo do espírito da RGB, xa que “o alto grao de desenvolvemento alcanzado nas investigacións que se presentan no libro só é posible grazas ao esforzo de equipos multidisciplinares, agrupados en torno á enxeñería biomédica”.
A RGB
A Rede Galega de Biomateriais constituíuse hai pouco menos dun ano no marco do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia, promovido pola Xunta de Galicia, e nela intégranse máis de medio cento de investigadores xunto con persoal de apoio. O seu obxectivo é realizar un esforzo conxunto de investigación para desenvolver materiais avanzados capaces de rexenerar tecidos danados e aplicables na práctica clínica.
En palabras do seu coordinador, “a Rede pretende ser un instrumento dinamizador do sector, polo que trata de ampliar os seus horizontes e incrementar a súa masa crítica, promovendo a adhesión de novos grupos e empresas afíns”. Así mesmo, entre os seus principais obxectivos atópanse a transferencia de tecnoloxía e a procura de sinerxías co tecido empresarial, tendendo pontes que favorezan o desenvolvemento tecnolóxico e económico da contorna próxima.
Os membros da RGB son o Grupo Novos Materiais, o Grupo TeamNanoTech e o Grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, todos eles integrados no Instituto de Investigación Biomédica (IBI); o Grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria e o Grupo de Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, o segundo deles vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria IDIS-CHUS; e o Grupo de Bioenxeñería Tisular e Terapia Celular do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), adscrito ao CIBER-BBN.
A Rede aglutina unha cantidade moi importante de capacidades e recursos científico-tecnolóxicos. Ademais dos seus 62 profesionais, dos que 51 son investigadores, concentra 15 millóns de euros en ingresos ao longo dos dous últimos anos, así como 145 publicacións en revistas internacionais, 25 proxectos de investigación (9 deles internacionais), 31 contratos de I+D con empresas e institucións e unha patente en explotación.
No Comments