blog-post-img-3098

A comunidade científica galega especializada en biomateriais desvela prometedoras liñas de traballo que van máis alá da rexeneración de tecidos

As propiedades de sustitución e reparación dos biomateriais en tecidos humanos deteriorados, tales como articulacións ou ósos, xa comezan a ser populares, pero os esforzos da comunidade investigadora van moito máis alá, incentivados polo enorme potencial destes novos materiais e as tecnoloxías que os rodean. A función antibacteriana dos vidros bioactivos, as posibilidades das nanopartículas de sílice como transportadoras de fármacos ao núcleo da enfermidade, as terapias celulares para atallar a reuma ou as tecnoloxías láser aplicadas á detección precoz de caries dentais son só algúns dos avances explorados polos grupos de investigación da Rede Galega de Biomateriais (RGB), que se reuniron hoxe na Illa de San Simón (Pontevedra) para compartir o coñecemento derivado dos seus traballos máis recentes.

O II Foro da RGB xuntou durante unha xornada enteira de traballo non só aos membros desta agrupación científica, senón tamén a outros especialistas de España e Portugal, ademais de 12 investigadores novos que contaron con roldas rápidas de tres minutos para dar a coñecer as súas incipientes liñas.

Durante o encontro foi presentado o libro “Biomateriais: deseño, produción e caracterización”, no que se aglutinan achegas de áreas tan diversas como a medicina, a enxeñería, a veterinaria, a bioloxía e outras ciencias básicas como a física, a química e a ciencia de materiais. Gran parte das ponencias realizadas durante o foro desgranaron as investigacións recollidas neste libro, co obxectivo de facilitar o intercambio de coñecemento entre os autores e tamén con outros investigadores e mesmo abrir novas liñas de colaboración interdisciplinar.

Novos procesos de fabricación

A nanotecnoloxía e a tecnoloxía láser están abrindo novos horizontes para a fabricación de materiais capaces de promover procesos terapéuticos. Neste eido, Miguel Ángel Correa, do Departamento de Química Física da Universidade de Vigo (Uvigo), presentou as nanocápsulas de sílice como solventes transportadoras de medicamentos que presentan problemas de eficiencia coas actuais fórmulas de administración. É o que ocorre por exemplo con certas vacinas e anticanceríxenos, que entre outras cousas non chegan a cumprir o seu cometido porque se eliminan moi rápido do organismo.

“A súa capacidade para solubilizar os fármacos no organismo, prolongar o seu tempo de circulación e liberar o composto de forma controlada no tempo e no espazo” son as grandes vantaxes que segundo Correa teñen testado no emprego de nanocápsulas de sílice como vehiculizadoras de medicamentos. Aínda máis, neste momento desenvolven as posibilidades que estes materiais presentan como “nanofábricas”, introducindo nas nanocápsulas enzimas específicas que se converten en principios activos dentro das células, evintando así os problemas que presenta a administración directa de compostos como poden ser as citoxinas.

Félix Quintero, do Departamento de Física Aplicada da Uvigo, expuxo as novas técnicas láser aplicadas á fabricación de redes de nanofibras de vidros activos, “as estruturas máis adecuadas para a rexeneración de tecidos duros como os ósos”, pola súa capacidade de promover a osteointegración dos implantes e de liberar compoñentes activos dentro do óso.

Os vidros bioactivos son tamén obxecto de investigación no Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago (USC), pero para explorar as súas propiedades antibacterianas. Tal e como explicou Magdalena Echezarreta, “o seu potencial en odontoloxía baseáse na súa capacidade para rexenerar o óso, a dentina e a apatita do esmalte, pero teñen tamén efecto sobre os microorganismos orais, de maneira que por exemplo poden ser usados como desinfectantes dentais tópicos”. Ademais, estes materiais engaden actividade antibacteriana á súa función estimuladora do crecemento do óso no tratamento de osteomielite (infección ósea) e presentan utilidade no tratamento de feridas crónicas aplicando nanofibras de vidro a apósitos e vendaxes.

Láser contra caries

Os investigadores do Departamento de Física Aplicada da Uvigo desenvolveron tamén unha nova aplicación do láser como explorador de caries dentais, coa capacidade de descubrilas antes de que sexan visibles. A tecnoloxía concreta que se usa é a espectroscopía Raman, “unha técnica non invasiva que, medindo a calidade do esmalte, pode detectar unha caries invisible para unha radiografía”, explicou Hélio Aguiar.

Esta nova técnica de diagnóstico foi xa testada en laboratorio por Benigno Coello, odontólogo en Ourense, “con resultados espectaculares”. Ademais de desenvolver o protocolo de análise, os investigadores da RGB están a deseñar un prototipo portátil para uso dental susceptible de ser usado en calquera clínica dental.

A avaliación de tecidos mediante tecnoloxías novas é tamén o campo do traballo presentado no foro por un equipo no que participan investigadores da Uvigo e da USC. José Ramón Caeiro foi o encargado de expoñer o uso da microtomografía computarizada, que permite a adquisición de imaxes de alta resolución en 2D e 3D a través de raios X, para ver o estado de ósos, dentes e biomateriais. “De forma non invasiva e non intrusiva, e sen necesidade de pretratamentos da mostra, pódense analizar os efectos que teñen sobre os ósos a idade, a menopausia, a osteoporose e outras enfermidades, así como os fármacos prescritos para o seu tratamento”, explicou Caeiro.

Completaron a rolda de presentacións a cargo de membros da RGB Joana Silva-Magalhães, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), e Fernando Muñoz, do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC. Silva-Magalhães presentou as estratexias de terapia celular e enxeñería de tecidos que investigan para o tratamento das enfermidades reumáticas, mentres que Muñoz se centrou na avaliación histolóxica de materiais.

Entre as achegas dos investigadores chegados de Portugal e do resto de España estivo a de Joana Moreira, da Universidade de Minho, que expuxo os seus avances na obtención de biomateriais de orixe mariña e a súa aplicación en biomedicina, “con resultados moi prometedores”. As recoñecidas investigadoras María Vallet-Regí, da Universidade Complutense de Madrid, e María Pau Ginebra, da Universitat Politècnica de Catalunya, compartiron no Foro da RGB os resultados dos seus traballos sobre os nanotransportadores mesoporosos de sílice e os fosfatos de calcio biomiméticos aplicados á rexeneración ósea, respectivamente.

Aquí podéis encontrar algunas de las apariciones en medios más destacadas de la noticia:

Xabier González 27 posts

No other information about this user.

No hay comentarios