blog-post-img-3745

A Rede Galega de Biomateriais fomenta as vocacións científicas

A Rede Galega de Biomateriais fomenta as vocacións científicas abrindo a súa actividade a escolares. Coñeceron o traballo dos grupos de Novos Materiais e de Química Coloidal

Biomateriais para aplicacións médicas, nanorrecubrimentos biocompatibles e técnicas innovadoras de diagnose de tecidos vivos. Estes son só algúns dos campos de traballo da Rede Galega de Biomateriais (RGB), que aglutina 70 investigadores das universidades de Vigo e de Santiago para desenvolver materiais avanzados aplicables na práctica clínica. Un ano máis, os científicos e científicas do campus vigués adscritos a esta rede aceptaron o reto de compartir os seus coñecementos con alumnos e alumnas de Primaria.

Os experimentos interactivos e a visita guiada aos laboratorios foron parte das ferramentas que os científicos utilizaron para facer comprensibles conceptos complexos aos ollos dos máis novos. A cita tivo lugar hoxe no campus de Vigo e asistiron a ela estudantes de 6º de Primaria do CEIP Sabarís (Baiona) e do CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo). Esta iniciativa vén celebrándose nos últimos anos baixo o título Descubrindo o norte, co obxectivo de espertar a curiosidade científica entre o alumnado, desenvolver a sensibilidade e o coidado do medio ambiente, fomentar hábitos saudables e valorar o entorno cultural e artístico. Para isto, ademais do achegamento á actividade científica da Universidade, levaron a cabo actividades deportivas e de lecer.
Entre os novos materiais e a química coloidal

A xornada comezou cunha charla da investigadora da RGB Sara Núñez, que desenvolve a súa actividade no Grupo de Química Coloidal da UVigo. A protagonista da charla foi a nanofotónica e nela os rapaces e rapazas aprenderon os fundamentos da luz a nanoescala a través de xogos.

Laura Rodríguez, do Grupo de Novos Materiais, despregou todo un arsenal divulgativo para trasladarlles aos estudantes os fundamentos da física a través de experimentos nos que os rapaces e rapazas tiveron un papel protagonista. Nunha sesión posterior, Julia Serra, investigadora deste mesmo grupo, explicoulles aos estudantes o traballo que ela e os seus compañeiros realizan no marco da RGB sobre enxeñería biomédica, poñéndolles exemplos reais a través das aplicacións da súa investigación en campos como o da rexeneración de tecidos.

Tal e como explica Pío González, coordinador do Grupo de Novos Materiais e colaborador desta iniciativa de maneira estable, a combinación da didáctica co lecer contribúe a que os rapaces desenvolvan unha percepción positiva sobre a ciencia como opción de futuro. “Aínda que sexa de maneira moi elemental, estes alumnos marchan hoxe de aquí cunha pequena noción dun concepto novo para eles, os biomateriais. Saber que existen e que poden mellorar a vida de moitas persoas pode ser suficiente para poñer unha semente e que, quen sabe, algún deles acabe lembrándose disto cando escolla o seu futuro académico e laboral”, explica o investigador da UVigo.

RGBiomateriais 34 posts

No other information about this user.

No hay comentarios